O bibliotecario das Neves que descifra a historia de Galicia

Pedro Rodríguez Villar
pedro rodríguez A CAÑIZA / LA VOZ

VIGO

XOAN CARLOS GIL

O mozo da Cañiza David Gesteira ten un «podcast» que xa conta con case dez mil seguidores

03 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A David Gesteira (A Cañiza, 1997) sempre lle gustou falar de historia. No seu grupo de amigos era habitual que, cando ían a algún lugar, el fora o encargado de contar a súa historia. Vénlle de neno. Como non, estudou Historia na Universidade Santiago de Compostela e un mestrado de Arquivos e Bibliotecas na da Coruña. Na carreira seguiu namorando do pasado, descubriu a gran riqueza da historia galega e, tamén, viu que non lle gustaba a docencia. O seu era a divulgación. Ao rematar o grao no 2019, tomouse un ano sabático e foi para Francia a traballar coidando un neno. A súa elección tamén tivo moita historia. Foi a Caen, capital da Baixa Normandía, fogar do gran castelo de Guillermo o Conquistador e lugar dunha das batallas máis importante da reconquista de Francia durante a II Guerra Mundial.

«Elixín o ano», di, rindo. Marzo de 2020, a covid esténdese por Europa e queda confinado en Caen. Non había moito que facer e David fixo realidade unha idea que levaba tempo na súa cabeza. Naceu Descifrando a historia, un podcast para contar o pasado de Galicia. Durante eses meses en Francia foi creando o contido, traballando a imaxe gráfica e gravando os primeiros programas co micrófono do móbil. Volveu a Galicia e en outubro de 2020 lanzou o podcast. O primeiro chanzo dun camiño que non lle está a ir mal. Hoxe, case catro anos despois, xa ten cerca de 10.000 seguidores nas súas redes sociais.

Moitos aparecen e desaparecen en meses. «É difícil manter a constancia, mentres compaxinas con outras cousas», explica. No primeiro ano de Descifrando a historia tivo que organizarse cos horarios e traballos do mestrado, logo co estudo da oposición a bibliotecario e agora co seu traballo na biblioteca das Neves. «Hai momentos estresantes, pero ver que o teu traballo interesa á xente está moi ben», conta.

Logo dese primeiro ano, quere mellorar o contido e a calidade. Precisaba material. O seu proxecto interesou a Puntogal e OZOCOgz e decidiron «patrocinarme». Un chanzo máis. Co seu apoio mercou un novo micro e equipo técnico que fixo que mellorara moito a calidade e as formas nas que daba vida ao podcast. As dúas marcas, OZOCO aínda o patrocina hoxe, foron conscientes «da necesidade destes proxectos para reivindicar a nosa historia». O seu traballo tamén foi recoñecido co 3º premio en contido audiovisual dos premios á xuventude da Deputación de Pontevedra no 2021.

David publica dous programas de máis dunha hora ao mes. Non os fai só. Sempre trata de contar coa axuda dalgún experto para mellorar a experiencia. É máis traballo, «pero así queda moito mellor». Ademais, mentres se documenta para facer eses programas, tamén crea contidos curtos para as súas redes. «Son os que mellor funcionan», explica. Un dos programas aos que lle garda máis cariño é o que fixo sobre os celtas, os castrexos e os romanos. Foi dos que lle fixo máis coñecido. Aínda que agora, cunha oposición enriba e o seu traballo de bibliotecario nas Neves, vai apostar por cambiar esta planificación do traballo. «Vou facer só un programa ao mes e crear máis historias curtas».

David, como bo divulgador, anima a todo o mundo a coñecer a historia de Galicia. «A xente flipa cando coñece que temos tantas cousas que contar. Hai episodios moi descoñecidos como a Gallaecia sueva ou a conquista musulmán coa que fliparían seguro». Confirmar que o pasado galego é tan rico é moi doado cunha conversa cos máis maiores. «Eles teñen a nosa historia. Temos unha tradición oral xigante», explica. El tamén seguiu unha tradición familiar creando o seu podcast. Neste caso, da súa irmá maior, Tensi Gesteira, creadora da conta de divulgación Lecturafilia. «Sempre foi un espello para min», conta. «Un exemplo de como a constancia paga a pena».