O Grupo Micolóxico Galego constata a escaseza de cogomelos de primavera en Beariz

LA VOZ OURENSE

BEARIZ

cedida

A entidade investigadora visitou a botica de Doade

14 may 2024 . Actualizado a las 18:35 h.

Representantes das catro provincias galegas e do norte de Portugal do Grupo Micolóxico Galego Luís Freire, participaron nunha saída técnica na pasada fin de semana para analizar os cogomelos silvestres de primavera na zona de Beariz. As condicións de temperatura e de humidade son actualmente moi boas, a terra está húmida polas chuvias dos últimos meses e a temperatura é suave. Pero dende este grupo investigador comprobaron a escaseza de especies, agardando que nos vindeiros días se produza una aparición maior de cogomelos nos hábitats ourensáns, explica a presidenta de honra do colectivo, Marisa Castro.

A saída fíxose na zona de mámoas do concello ourensán con terreos pizarrosos e gran presenza de carballos, piñeiros e en menor medida eucaliptos. Tamén se analizaron zonas de mato e pradería, onde apareceron diversas especies de Amanitas, Russulas e cogomelos de madeira, ademais dalgunha Lycogala, que levaron para secuenciar o seu ADN.

O Grupo Micolóxico Galego realiza unha saída ao mes durante todo o ano a distintos puntos de Galicia para o estudo dos cogomelos e a publicacións de conclusións na súa revista Mykes, dende hai máis de trinta anos, ocasións que tamén aproveitan para realizar visitas culturais. No caso de Beariz, a acción organizada polo farmacéutico vigués Floro Andrés, incluíu a visita á Botica de Doade, unha farmacia pechada en 1975 que foi recuperada e que permanece como “cápsula do tempo”, ao manter mobiliario e medicamentos exactamente igual que hai medio século.

O tenente de alcalde de Beariz, Tomás Sancho, e o doutor en historia, Miguel Álvarez, fixeron o percorrido e explicación do espazo convertido en museo. Floro Andrés, que participou activamente na recuperación desta botica única en Ourense, tamén foi un dos promotores da recuperación da existente no mosteiro de Oseira, que o grupo tivo ocasión de visitar durante a xornada de tarde con Miguel Álvarez Soaje.

A vindeira incursión micolóxica en Ourense está prevista para o mes de xullo na zona de Entrimo.