Boas condicións para os cogomelos

Alejandro Mínguez
alejandro mínguez LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

A temperatura suave e a grande cantidade de auga permiten recoller setas en Deza case sen baixar do coche pola abundancia dalgunhas especies

14 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Os afeccionados aos cogomelos poden estes días recoller exemplares comestibles case sen baixar do coche pola gran cantidade que hai de determinadas especies comestibles, como Macrolepiota procera ou Cantharellus cibarius, os dous de grande interese culinario. Pódense ver a simple vista en diversos puntos da xeografía local, sen buscalos, circulando polas estradas principais e secundarias.

Sen moito esforzo, percorrendo o Deza, é moi sinxelo ver distintas especies fúnxicas de gran tamaño e con máis detalle outras de menor dimensión. As condicións de humidade e temperatura actuais propician a aparición de cogomelos en distintos hábitats, incluso nas beiras das estradas en toda a xeografía do Deza e Tabeirós-Terra de Montes. A antiga estrada de Ourense a Compostela é un claro exemplo desta circunstancia. Rexístranse nestes días incluso exemplares de Agaricus arvensis, ou «bola de neve», moi prezados na cociña, de intenso aroma anisado e máis típicos dos primeiros compases da tempada que do momento actual.

O período silvestre de cogomelos arrancou este ano no mes de setembro con forza pola cantidade de auga caída e a temperatura suave, condicións óptimas para o seu crecemento. Nos primeiros días do mes de outubro o intenso calor fixo de freo, de forma que case desapareceron por completo, pero despois de varias semanas de chuvia a presenza de cogomelos é xeralizada, aínda que tanta auga tampouco é boa. O exceso de humidade está provocando unha menor duración dos exemplares, que acaban enchoupados e partidos polo peso ou podrecidos, incluso presentan decoloración e cambios no aspecto clásico dalgunhas especies que poden facer dubidar na identificación destas.

Do mesmo xeito que están aparecendo exemplares comestibles, tamén saen cogomelos tóxicos, polo que cómpre recordar que a única forma de identificación válida é a científica e debemos coñecer os cogomelos polas súas particularidades físicas, rexeitando todo tipo de regras e ditos populares. A mellor forma de aprender sobre cogomelos é realizar cursos de formación e participar en saídas con expertos. Ante a dúbida sobre a identificación dun exemplar o mellor é rexeitalo. Formación e precaución son as claves no mundo dos fungos.

O cambio climático está propiciando estas mudanzas nas tempadas de cogomelos. En tempos eran moito más regulares, pero na actualidade tenden aos extremos. Ademais cada vez é máis habitual a aparición de especies doutras latitudes e a desaparición de cogomelos que antes eran clásicos dos montes e prados locais.